Arteixo organiza un curso para aprender a preparar un botiquín natural con plantas silvestres

O Concello de Arteixo ofrecerá o vindeiro sábado 13 de decembro un curso práctico sobre como elaborar un botiquín natural baseado en plantas silvestres. A actividade terá lugar no Parque de Monticaño, na Pastoriza, de 10:00 a 14:00 horas, cunha duración total de catro horas.
O curso está dirixido a persoas interesadas na cosmética natural e de nivel iniciación. Durante a sesión, os participantes coñecerán cinco plantas medicinais silvestres que poderán usar para preparar un botiquín natural básico para coidar o corpo e a mente.
As monitoras serán Nines Domínguez e Lidia Ares, que guiarán aos asistentes nunha introdución á fitoterapia e á medicina holística celta, no estudo detallado das plantas, o seu cultivo, colleita e conservación, así como na elaboración de tres preparados medicinais: infusión-cocción, pomada e paté nutritivo medicinal.
O custo para empadroados en Arteixo, clientes de SUMARTE, biciArteixo e asimilados será de 25 euros, con material incluído. Para o resto de inscritos, a tarifa xeral será de 35 euros.