Arteixo ofrece un taller de carpintería básica para iniciarse no traballo da madeira

O Concello de Arteixo impulsa un 'Taller de Carpintaría Básica' pensado para persoas que queiran dar os seus primeiros pasos no traballo da madeira. A proposta desenvolverase o venres 19 de decembro, de 16.00 a 20.00 horas, no Parque Municipal de Monticaño (Pastoriza), e está deseñada como unha formación de iniciación, centrada nos fundamentos e na seguridade.
O obxectivo do curso é que o alumnado coñeza as propiedades e características da madeira e aprenda os conceptos básicos para traballala, desde o manexo axeitado das ferramentas ata técnicas sinxelas de corte, ensamblaxe e acabado. Ao longo da xornada explicaranse as nocións fundamentais sobre este material e practicarase a medición e o trazado precisos das pezas.
O equipo formativo, pertencente a Personal EME, introducirá o uso de ferramentas manuais como martelo, serra, cepillos e formón, así como diferentes sistemas de unión, entre eles a clásica caixa e espiga. Como parte práctica, está previsto que as persoas participantes elaboren caixeiras e pequenos bancos de traballo, aplicando así, paso a paso, os coñecementos adquiridos.
O taller está dirixido a afeccionados á carpintaría sen experiencia previa ou con nocións moi básicas, polo que se enmarca nun nivel de iniciación. Ofértanse 15 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición, tendo preferencia as persoas empadroadas no concello de Arteixo e os clientes de Sumarte.
O custo da inscrición é de 15 euros para empadroados en Arteixo, clientes de Sumarte e asimilados, mentres que a inscrición xeral terá un prezo de 25 euros. As persoas interesadas deberán formalizar a súa reserva a través da ligazón habilitada pola organización. As solicitudes que queden en lista de agarda serán convocadas para a próxima edición deste curso.