Arteixo ofrece un curso de elaboración e cata de cervexas artesás no parque de Monticaño

ACoruñaXa
O obradoiro, impartido por Marta Galán no Espazo Municipal Ecolóxico, terá lugar o venres 21 de novembro de 16.00 a 20.00 horas e inclúe a degustación de catro cervexas maridadas con queixos
ARTEIXO cervexa
13 Nov 2025

O Concello de Arteixo, a través de Sumarte e do Espazo Municipal Ecolóxico, vén de programar un curso práctico de elaboración e cata de cervexas artesás que se celebrará o venres 21 de novembro no parque forestal de Monticaño, en Pastoriza, unha das principais zonas verdes de lecer do municipio.

A sesión desenvolverase entre as 16.00 e as 20.00 horas e estará dirixida por Marta Galán. Trátase dun obradoiro orientado a persoas afeccionadas á gastronomía e sen experiencia previa, no que se explicará todo o proceso de creación da cervexa, desde a selección dos ingredientes ata o embotellado final.

As persoas participantes poderán ver, tocar e cheirar os produtos básicos da elaboración cervexeira, aprenderán a seguir o proceso paso a paso e coñecerán as diferenzas entre unha cervexa artesá e outra de produción industrial. Tamén se afondará nos distintos estilos e matices, indo máis alá das categorías máis habituais de loura ou negra.

O curso rematará cunha cata comentada de catro cervexas acompañadas de catro queixos, co obxectivo de introducir o público nas posibilidades de maridaxe entre ambos produtos.

O prezo da actividade é de 15 euros para persoas empadroadas en Arteixo, clientela de Sumarte, usuarias de biciArteixo e asimilados, mentres que a inscrición xeral ten un custo de 25 euros. Para obter máis información ou reservar praza cómpre contactar a través do correo electrónico cursoseme@sumarte.gal ou dos teléfonos 698 193 000 e 604 012 930, así como na web.

Desde o Espazo Municipal Ecolóxico lembran que este tipo de cursos en grupos reducidos forman parte do programa municipal para achegar á cidadanía á produción alimentaria e ás prácticas sostibles neste enclave natural de Monticaño.

⚙ Configurar cookies
0.07590913772583