Arteixo oferta formación para 100 persoas desempregadas

ACoruñaXa
Os cursos inclúen especialidades como atención sociosanitaria, monitor de tempo libre, auxiliar de cociña e caixeiro, cunha alta taxa de inserción laboral
Imaxe recurso de emprego
21 Nov 2024

O Concello de Arteixo, en colaboración coa Xunta de Galicia, acaba de abrir o proceso de selección para 100 persoas que participarán no Programa Integrado de Emprego 2024-2025. Este plan, que comezará en xaneiro, busca mellorar a empregabilidade e facilitar a inserción laboral mediante unha ampla oferta de formación especializada.

Entre os cursos dispoñibles destacan os de atención sociosanitaria, monitor de tempo libre, auxiliar de cociña e restaurante-bar, caixeiro e operario de almacén e limpeza. No programa tamén se inclúen accións formativas transversais como prevención de riscos laborais, manipulador de alimentos, emprego 2.0, marca persoal e orientación laboral, ademais de prácticas en empresas e asesoramento para o emprendemento.

O proxecto está cofinanciado pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, o Servizo Público de Emprego Estatal e o Concello de Arteixo. No último ano, máis do 60% dos participantes conseguiron un emprego grazas ás ferramentas adquiridas durante a formación.

As persoas interesadas serán preseleccionadas pola oficina de emprego e posteriormente avaliadas polos técnicos do Departamento de Promoción e Desenvolvemento do Concello de Arteixo. Para máis información, poden dirixirse ao Centro Arteixo Innovación, na Avda. Arsenio Iglesias, Parcela 46, ou chamar ao 981 640 572.

⚙ Configurar cookies
0.1871931552887