Arteixo mobiliza os centros sociais en novembro contra a violencia de xénero

ACoruñaXa
O Concello promove murais colectivos, obradoiros e actividades abertas á cidadanía dentro do programa do 25N
25n xenérico
11 Nov 2025

O Concello de Arteixo converte o mes de novembro nun tempo clave para a loita contra a violencia de xénero, coa implicación de todos os centros sociais e de maiores do municipio nun amplo programa de accións comunitarias. O obxectivo é crear murais colectivos en diferentes parroquias e fomentar a participación veciñal a través de obradoiros de lazos e actividades abertas a todas as idades, segundo informou o goberno local.

As propostas forman parte da programación organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Arteixo, que continúa ofrecendo información, asesoramento e apoio ás mulleres, con especial atención aos casos de violencia machista. No último ano, o CIM realizou máis de 4.000 accións entre consultas, charlas e intervencións.

Os datos reflicten que a loita segue sendo necesaria: en 2025 rexistráronse máis de 104.000 casos activos en España, un aumento do 4,28% das denuncias no primeiro trimestre, 24 mulleres e 3 menores asasinados ata agosto, e 178 femicidios contabilizados ata setembro. Ante esta realidade, o Concello lembra que “a información salva vidas e pedir axuda é o primeiro paso”.

As persoas que precisen apoio poden contactar co CIM de Arteixo nos teléfonos 981 601 415 ou 683 443 512, por correo electrónico en muller@arteixo.org, ou acudir aos servizos de emerxencia (016, 062 e App AlertCops). O programa completo pode consultarse na web municipal.

⚙ Configurar cookies
0.066468000411987