Arteixo lidera o gasto social en Galicia entre os concellos de máis de 20.000 habitantes

O Concello de Arteixo traslada que se converteu no municipio galego de máis de 20.000 habitantes que máis inviste per cápita en gasto social, superando os 200 euros por habitante. Así o reflicte o informe anual elaborado pola Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, que analiza, por décimo ano consecutivo, os orzamentos municipais dedicados a "Servizos Sociais e Promoción Social" baseándose nos datos do Orzamento Liquidado de 2023 publicado polo Ministerio de Facenda e Función Pública.
Segundo o estudo, Arteixo figura entre os 21 concellos de España cualificados como "excelentes" pola súa inversión social, ao superar os 200 euros por habitante. A mediana estatal de gasto dos municipios de máis de 20.000 habitantes sitúase en 102,12 euros/hab., mentres que 46 concellos quedan catalogados como "pobres" ao non chegar aos 61,27 euros por persoa.
O orzamento de Arteixo en Servizos Sociais supera os sete millóns de euros anuais, cifra que pode rozar os nove millóns se se inclúen as inversións en infraestruturas como novos centros sociais. Para este 2025, destacan os incrementos en programas como o 'Concilia', que conta cunha partida de 200.000 euros e ofrece actividades tuteladas para nenos e persoas maiores no Balneario de Arteixo e no centro de Meicende. Tamén medra o programa de atención temperá, cun investimento de 167.000 euros para apoiar a menores con trastornos motores, de linguaxe ou de aprendizaxe.
Entre as principais partidas, sobresae o servizo de axuda a domicilio, cunha asignación anual de preto de 2,5 millóns de euros. Así mesmo, destínanse 758.000 euros para reservar 32 prazas na residencia de maiores para veciños de Arteixo, tendo en conta que as residencias públicas galegas están abertas a toda a cidadanía da comunidade. Outros investimentos salientables son os 460.000 euros en programas de dinamización nos centros sociais e os preto de 230.000 euros en axudas de emerxencia social.
Este recoñecemento sitúa a Arteixo como referente en políticas sociais, destacando o compromiso do concello por garantir o benestar e a atención das persoas máis vulnerables da súa comunidade.