Arteixo lidera a comarca en doazóns de sangue e acolle esta semana a campaña estival de ADOS

ACoruñaXa
Nun periodo no que resulta máis difícil manter as 400 achegas diarias que precisan os hospitais galegos
arteixo-ados
11 Jul 2025

O Concello de Arteixo volve amosar o seu compromiso coa solidariedade ao converterse nun dos puntos clave da campaña de verán “Non esquezas doar antes de veranear”, promovida pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS). A iniciativa busca acadar 27.000 doazóns en toda Galicia durante o verán, co obxectivo de garantir os subministracións que precisan os hospitais para atender a milleiros de doentes.

Unha unidade móbil de ADOS estará dispoñible na entrada da rúa peonil de Arteixo durante tres xornadas consecutivas: o xoves 10 de xullo (16.00–21.00 horas), o venres 11 (10.00–14.00 horas e 16.00–21.00 horas) e o sábado 12 (10.00–15.00 horas). Con este dispositivo preténdese facilitar o acceso da cidadanía á doazón, especialmente nun período no que resulta máis difícil manter as 400 achegas diarias que precisan os hospitais galegos.

A campaña desenvolverase en 220 concellos de Galicia entre xuño e setembro. ADOS lembra que doar sangue “é un xesto sinxelo, xeneroso e solidario” e fai un chamamento a todas as persoas maiores de idade e en bo estado de saúde para participar.

Arteixo destaca como concello solidario, cun total de 1.626 doazóns rexistradas en 2024, o que supón unha taxa de 48 doazóns por cada 1.000 habitantes. Este dato sitúa ao municipio por riba da media provincial (43/1000) e autonómica (39/1000), consolidándoo como o concello con maior participación da comarca.

ADOS agradece especialmente a colaboración do Concello de Arteixo “pola súa axuda e apoio no desenvolvemento desta campaña estival”, e salienta a importancia de doar antes de iniciar as vacacións. “Doar antes de veranear é garantir que a sangue estará dispoñible cando máis se precisa”, insisten.

As unidades móbiles de ADOS realizarán 800 desprazamentos por toda Galicia neste período. Ademais, a campaña contará cunha intensa acción informativa, co apoio dos concellos, dirixida a sensibilizar á veciñanza e fomentar a participación a través do tecido asociativo local.

⚙ Configurar cookies
0.16913986206055