Arteixo licitará no vindeiro mes a humanización da travesía urbana

ACoruñaXa
Arrinca a reforma integral do principal eixe do núcleo, cunha primeira fase de 1,8 km e beneficios directos para uns 2.600 residentes
ARTEIXO urbanizacion
21 Oct 2025

O Concello de Arteixo levará a licitación no próximo mes o proxecto de humanización da travesía, unha intervención de fondo que transformará o principal eixe de comunicación do casco urbano para facelo máis seguro, cómodo e amable para a veciñanza.

A actuación inicial cubrirá o tramo comprendido entre a rotonda de Sabón e o cruce das rúas Independencia e Reconquista, ao longo de 1,8 quilómetros. Esta primeira etapa insírese nun plan global de 3,3 quilómetros dividido en tres fases, co obxectivo de reconfigurar o espazo público e priorizar os desprazamentos a pé e a convivencia co tráfico rodado.

O deseño prevé novos espazos de aparcamento e áreas de descanso para peóns, a mellora da mobilidade e da seguridade viaria mediante a creación de rotondas, a renovación de beirarrúas, pavimentos e firmes, así como a reordenación das prazas de estacionamento e dos puntos de recollida de residuos. Tamén se modernizará o alumeado público incorporando tecnoloxía LED de alta eficiencia.

Trátase dun proxecto estratéxico dentro da aposta municipal por unha urbanización sostible e integradora, destinada a elevar a calidade de vida e a favorecer a convivencia entre vehículos e peóns. A proposta foi seleccionada a través dun concurso de ideas no que participaron 24 equipos profesionais; o xurado, integrado por técnicos municipais e representantes dos colexios profesionais, proclamou gañador ao equipo Montero Parapar Arquitectos.

'O noso propósito é mellorar unha das zonas máis habitadas do casco urbano e seguir avanzando en solucións integrais de urbanización que repercutan na calidade de vida da veciñanza', salientou o alcalde, Carlos Calvelo.

⚙ Configurar cookies
0.070564031600952