Arteixo licita por preto de 555.000 euros a humanización de tres rúas da Cachada

O Concello de Arteixo vén de sacar a licitación as obras de humanización no barrio da Cachada, unha intervención que afectará ás rúas Arquitecto Pedro de Monteagudo, Domingo de Andrade e Mestre Mateo. O orzamento base ascende a 554.956,02 euros e o contrato establece unha duración aproximada de seis meses. As empresas interesadas poden presentar ofertas ata o 9 de marzo de 2026.
A actuación céntrase nunha zona que conecta a contorna da residencia de maiores e o paseo fluvial coa travesía principal do núcleo urbano, e busca mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria nun ámbito condicionado pola antigüidade das rúas e a estreitez dos itinerarios peonís.
O proxecto prevé ampliar as beirarrúas ata un mínimo de 1,8 metros, reorganizar os aparcadoiros e introducir novos sentidos de circulación para facer máis fluído o tráfico. Ademais, a área quedará limitada a 30 km/h. Entre as melloras tamén se inclúe a creación dunha nova praza con zona de estancia e mobiliario urbano.
No apartado de infraestruturas, as obras contemplan a renovación das redes municipais de abastecemento e saneamento e o soterramento do cableado eléctrico en Mestre Mateo para eliminar liñas aéreas. En anteriores presentacións do plan, o goberno local enmarcou esta iniciativa na estratexia de actuacións integrais de urbanización para gañar calidade de vida nunha zona moi habitada do casco urbano.