Arteixo licita por 254.000 euros anuais a organización das Escolas Deportivas Municipais

ACoruñaXa
O contrato inclúe un servizo de valoración da condición física saudable e asesoramento personalizado
Fotografía da Casa do Concello de Arteixo
12 Feb 2025

O Concello de Arteixo acaba de sacar a licitación por 254.000 euros anuais a organización das Escolas Deportivas Municipais, co obxectivo de levar a actividade física e o deporte a todos os sectores da poboación. Estas escolas contan cunha ampla participación, con máis de mil persoas distribuídas en máis de 70 grupos de actividades deportivas, nas que se desenvolven diversas especialidades.

As Escolas Deportivas Municipais, explican desde o Concello, forman parte do ámbito do deporte para todos e realízanse nas instalacións deportivas municipais, así como en centros municipais asociados e en instalacións dos centros educativos. Ademais, dentro do contrato inclúense varias obrigas que complementan e melloran o servizo, como a organización do Día do Deporte na Rúa, unha xornada de clausura das actividades das escolas que se celebrará a finais do mes de xuño.

Un dos aspectos destacados do contrato é a inclusión do servizo de valoración da condición física saudable e asesoramento personalizado. Este servizo, cunha duración de nove meses anuais e unha dedicación de 4 horas semanais, ten como obxectivo principal valorar a condición física das persoas participantes e garantir que incrementen a súa actividade física diaria de calidade, cumprindo cos obxectivos establecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), a Unión Europea e os gobernos do Estado e galego.

Este servizo individualizado, que dispón de arredor de setenta prazas, ofrece a oportunidade de realizar un seguimento personalizado e mellorar a saúde física dos asistentes a través de actividades físicas complementarias adaptadas ás súas necesidades.

⚙ Configurar cookies
0.17397904396057