Arteixo leva ao escenario a comedia 'De algo hai que morrer', de Malasombra

A programación cultural de inverno en Arteixo suma esta semana unha proposta que mestura teatro e divulgación con retranca. O venres 30 de xaneiro, ás 20.30 h, o Auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía acolle 'De algo hai que morrer', unha comedia de Malasombra pensada para público adulto e cunha duración aproximada de 65 minutos.
O espectáculo preséntase como unha sorte de conferencia escénica protagonizada por dous científicos prestixiosos e algo excéntricos, os profesores Jeckill e Hyde, que conducen ao público por un percorrido tan humorístico como irreverente arredor dun tema inevitable: a morte. Entre preguntas e situacións disparatadas, a peza xoga coa ironía para poñer sobre a mesa grandes dúbidas da existencia e, de paso, provocar gargalladas.
A obra é de José Prieto e está dirixida por Marcos Orsi, cun elenco formado por Jouse García e Xoque Carbajal. As entradas xerais custan 3 euros e 2,25 euros as reducidas, e poden mercarse en liña a través da canle municipal de venda ou o propio día da función, no despacho de billetes, desde 2 h antes do comezo e ata completar capacidade.