Arteixo leva a pleno un modificado orzamentario para acometer múltiples investimentos

O Concello de Arteixo someterá a aprobación no pleno do próximo xoves un modificado de crédito por valor de 6,5 millóns de euros. Esta modificación permitirá financiar un amplo abano de actuacións en diferentes ámbitos do municipio, con especial atención ao mantemento e mellora de infraestruturas deportivas, educativas, sanitarias e viarias.
Un dos proxectos máis destacados será a rehabilitación do pavillón do CEIP de Galán, cun investimento de 350.000 euros. As obras centraranse na mellora da cuberta para evitar filtracións, a optimización da envolvente térmica e a renovación do graderío.
Tamén se acometerán melloras en diversas instalacións deportivas, incluídas as piscinas municipais, o Pazo dos Deportes, o Campo de Fútbol de Ponte dos Brozos e o pavillón de Meicende. Ademais, o Concello ten previsto participar, xunto cos municipios da Coruña e Culleredo, nun convenio para a rehabilitación das instalacións de Montegolf, cunha achega municipal de 160.000 euros.
No eido sanitario, destinaranse 100.000 euros ás obras de reparación no centro de saúde de Meicende, co obxectivo de solucionar humidades, fisuras e deficiencias térmicas. Esta actuación realizarase en colaboración coa Xunta de Galicia.
A escola infantil de Pastoriza tamén será obxecto de intervencións para mellorar o illamento da fachada e substituír o sistema de climatización, cunha partida de 150.000 euros.
Outro dos proxectos importantes é a urbanización da travesía de Meirás, en Meicende, onde o derribo de antigas vivendas permitirá ampliar a calzada, mellorar a seguridade peonil e facilitar o tránsito. O orzamento previsto para esta actuación é de 247.000 euros.
Ademais, destinaranse fondos á reparación de dous taludes en Montegolf e Sol y Mar (180.000 euros e 140.000 euros, respectivamente), así como a traballos de mantemento nos edificios do Centro de Formación Ocupacional e Arteixo Innovación, situados no polígono de Sabón.
O local social da asociación veciñal San Xosé Obreiro de Meicende tamén será renovado, cunha achega aproximada de 53.000 euros para a actualización das súas instalacións.
Outro dos puntos clave do modificado é a transferencia de capital á entidade Augas de Galicia para a execución dunha obra declarada de emerxencia no interceptor de Suevos. Esta intervención busca evitar desbordes de auga en episodios de choiva intensa, e será financiada de forma conxunta polo Concello, a Consellería de Industria, Xestur e a Autoridade Portuaria.
O modificado inclúe ademais partidas para a empresa pública Sumarte, responsable da limpeza viaria; para a pavimentación de rúas; adquisición de maquinaria para a recollida de residuos; compra de licenzas informáticas; e a dotación de crédito necesario para presentar ante o Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) un proxecto de renovación da iluminación entre a travesía de Meicende e a rotonda de Sabón, cun custe estimado de 1,5 millóns de euros.