Arteixo inicia en xuño a rehabilitación da histórica Casa de Baños do Balneario

ACoruñaXa
Con esta actuación, recupera un espazo de alto valor histórico e patrimonial e aproveita as augas minero-medicinais
balneario-arteixo
22 May 2025

O Concello de Arteixo comezará no mes de xuño as obras de rehabilitación da Casa de Baños do Balneario de Arteixo, un proxecto emblemático que permitirá recuperar e modernizar un dos espazos máis senlleiros do municipio. A actuación foi adxudicada á empresa López Cao por un importe total de 2,7 millóns de euros e conta cunha achega de dous millóns procedentes dos fondos europeos Next Generation, xestionados pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia.

A intervención está enmarcada no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea e busca actualizar as instalacións mantendo o seu valor patrimonial, ao tempo que se adaptan aos novos usos e necesidades cidadás. Para iso, o Concello asinou un convenio de colaboración con Turismo de Galicia que autoriza e impulsa a execución do proxecto.

O edificio orixinal da Casa de Baños remóntase ao ano 1760, e forma parte do conxunto do Balneario, que sufriu ao longo dos séculos múltiples modificacións. A actual edificación ocupa 400 m² dunha parcela de algo máis de 500 m², quedando o resto como patio exterior, espazo que será aproveitado nesta reforma para a instalación dunha piscina termal cuberta cunha estrutura lixeira de aceiro e cristal.

O proxecto prevé conservar os muros de cachotaría e a envolvente exterior da edificación, respectando a súa forma en "U" e a cuberta a dúas augas. A distribución interior será redeseñada para crear un moderno percorrido termal que incluirá piscina, saunas, duchas de contraste, pediluvio, sala de inhalacións, zona de descanso e vestiarios adaptados.

Na nova configuración, a entrada situarase na parte inferior da “U”, onde estarán o vestíbulo, a recepción e unha consulta médica. As outras dúas ás acollerán os vestiarios, dependencias para o persoal e os espazos termais, organizados arredor do patio agora cuberto, que pasará a ser o corazón da Casa de Baños.

Con esta actuación, Arteixo recupera un espazo de alto valor histórico e patrimonial, dotándoo dun uso renovado que busca atraer tanto a veciñanza como a visitantes, cunha oferta de servizos que aposta polo benestar e o aproveitamento das augas minero-medicinais que caracterizan o municipio.

⚙ Configurar cookies
0.15710997581482