Arteixo inicia a retirada de lodos na lagoa do Parque Central dentro do proxecto 'Londra Arteixo'

ACoruñaXa
Os traballos lánzanse seguindo recomendacións ambientais para protexer a fauna e enmárcanse en 'Londra Arteixo (Rexeneración do Hábitat)', un proxecto de restauración fluvial e infraestrutura verde apoiado pola Fundación Biodiversidad e o PRTR
ARTEIXO limpieza rio
24 Nov 2025

O Concello de Arteixo puxo en marcha unha nova fase do proxecto 'Londra Arteixo (Rexeneración do Hábitat)' coa retirada de lodos acumulados na lagoa do Parque Central, unha intervención clave para garantir o equilibrio ecolóxico deste espazo e mellorar o estado ambiental dos ríos Bolaños e Bidueiro que atravesan o núcleo urbano.

Os traballos desenvólvense nun período expresamente escollido en función das recomendacións do Servizo de Patrimonio Natural da Xunta, que a través dun informe emitido o 28 de xaneiro de 2025 sinalou as datas máis axeitadas para minimizar o impacto sobre a fauna. Nesta altura do ano xa concluíron as épocas de cría de aves, anfibios e mamíferos, polo que se reducen ao mínimo as posibles molestias sobre as especies que utilizan a lagoa e o seu entorno.

A lagoa do Parque Central actúa como unha especie de decantador natural, xa que recibe os sedimentos que arrastran o río Bolaños e o seu afluente, o rego da Bidueira. Co paso do tempo, a acumulación de lodos no vaso provoca unha perda de profundidade e de capacidade da lámina de auga. Por iso o Concello realiza periodicamente labores de dragado, que inclúen tamén a retirada de troncos e ramas, para o que é preciso baixar o nivel da lagoa mediante a apertura da comporta situada no azud.

A actuación inscríbese no proxecto 'Londra Arteixo', deseñado para recuperar o curso fluvial urbano do río Bolaños (tamén coñecido como río Arteixo) e do rego da Bidueira ao seu paso polo municipio. As medidas previstas abranguen a rexeneración de tramos de leitos fluviais, a mellora do perfil das marxes, a retirada de elementos duros e escolleras, así como a plantación de arborado autóctono propio do bosque de ribeira e a recuperación de hábitats asociados.

O programa contempla ademais a implantación de sistemas de drenaxe urbano sustentable, co obxectivo de xestionar a auga de choiva dun xeito máis respectuoso co ciclo natural, reducir o risco de inundacións en puntos sensibles e mellorar a eficiencia do sistema de saneamento municipal. En total, está prevista a restauración de arredor de catro quilómetros de cauces entre o Bolaños e o Bidueiro.

'Londra Arteixo' conta cunha achega de 907.000 euros concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través da Fundación Biodiversidad, no marco das convocatorias do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) financiado pola Unión Europea (NextGenerationEU), á que se suma a participación económica do Concello. O proxecto sitúa estes ríos como eixes da infraestrutura verde municipal e reforza o paseo fluvial como corredor ecolóxico e espazo de lecer para a veciñanza.

Desde o goberno local sublíñase que a intervención na lagoa é temporal, pero imprescindible para garantir a saúde do ecosistema acuático e o correcto funcionamento hidráulico do Parque Central, unha das principais zonas verdes de Arteixo, que segue a reforzar a súa rede de espazos naturais integrados no tecido urbano.

⚙ Configurar cookies
0.070513963699341