Arteixo inicia a retirada de lodos na lagoa do Parque Central dentro do proxecto 'Londra Arteixo'

Ao longo da próxima semana o Concello de Arteixo poñerá en marcha unha nova intervención de mantemento na lagoa do Parque Central, consistente na retirada de lodos acumulados no vaso deste espazo hídrico. A actuación enmárcase no proxecto 'Londra Arteixo – Regeneración do Hábitat' e dará comezo o vindeiro luns 10, nunhas datas elixidas seguindo as recomendacións do Informe do 28 de xaneiro de 2025 do Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, co obxectivo de minimizar o impacto sobre o medio ambiente. Neste momento, aves, anfibios e mamíferos xa remataron os seus períodos de cría.
A retirada periódica de lodos na lagoa do Parque Central é necesaria para evitar a súa colmatación polos sedimentos que arrastran o río Bolaños e o seu afluente, o rego da Bidueira. Dado que os traballos de dragado e limpeza de troncos e ramas deben realizarse desde o interior da propia lagoa, será preciso reducir ao máximo o nivel da lámina de auga, para o que se abrirá a compuerta existente no azude.
O proxecto 'Londra Arteixo – Regeneración do Hábitat' conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.
A iniciativa contempla tanto actuacións de rexeneración de treitos de leitos fluviais como a plantación de arborado de bosque de ribeira e a recuperación de hábitats. Co conxunto destas medidas preténdese consolidar os cauces do río Bolaños e do rego da Bidueira como parte da rede de corredores ecolóxicos que integran a infraestrutura verde do termo municipal, reforzando o paseo fluvial como eixo verde estruturante do núcleo urbano de Arteixo.