Arteixo impulsa unha nova oferta formativa para persoas adultas nos centros socioculturais

ACoruñaXa
O programa municipal inclúe cursos de informática, uso de smartphones, inglés, cociña e primeiros auxilios, con inscrición aberta no Departamento de Participación Cidadá
ARTEIXO centro social meicende
12 Mar 2026

O Concello de Arteixo vén de poñer en marcha unha nova programación de actividades formativas dirixidas a persoas adultas, cunha proposta que busca reforzar a aprendizaxe ao longo da vida, favorecer o desenvolvemento persoal e incentivar a participación social nos distintos centros socioculturais do municipio.

A iniciativa abrangue cursos de informática, uso de smartphones, inglés de iniciación e un obradoiro de cociña, todos eles cunha duración de 20 horas e cun prezo de 20 euros. A oferta repártese por diferentes espazos do concello para facilitar o acceso da veciñanza a estas accións formativas.

No apartado de informática, as sesións desenvolveranse no CS Meicende os venres de 18.30 a 20.30 horas, no CM Baiuca os xoves de 18.30 a 20.30 horas e no CS Larín os martes de 18.30 a 20.30 horas.

O uso de smartphones tamén contará con tres grupos, que se impartirán no CS A Cachada os martes de 16.00 a 18.00 horas, no CS Freán os venres de 16.00 a 18.00 horas e no CS Oseiro os xoves de 16.00 a 18.00 horas.

Pola súa banda, o curso de inglés de iniciación celebrarase no CS Meicende os luns de 11.00 a 13.00 horas e en Servizos Sociais os martes de 19.30 a 21.30 horas. O programa complétase cun obradoiro de cociña no CS Vilarrodís, previsto para os martes de 17.00 a 19.00 horas.

Ademais, o Concello tamén organiza un curso de primeiros auxilios especificamente orientado ao persoal das entidades asociativas. Esta formación, de 10 horas de duración, terá lugar no CS Baiuca en dúas xornadas de sábado, os días 25 de abril e 9 de maio.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición de maneira presencial no Departamento de Participación Cidadá do Concello de Arteixo ou a través do formulario de online. Para obter máis información, o departamento facilita o teléfono 981 659 133.

0.11679196357727