Arteixo impulsa o seu primeiro parque canino nunha parcela xunto á área recreativa de O Seixedo

O Concello de Arteixo deu un novo paso no deseño e tramitación do que será o primeiro parque canino do municipio. O goberno local está a xestionar coa Xunta de Galicia a cesión dunha parcela de arredor de 2.500 metros cadrados situada nas inmediacións da área recreativa de O Seixedo, emprazamento elixido para instalar este novo espazo de lecer para animais de compañía.
Na actualidade, o Concello agarda os informes da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e de Augas de Galicia, organismos que deben validar a dispoñibilidade do terreo e as condicións de uso da parcela pola súa proximidade a infraestruturas e cursos de auga. A superficie final do parque canino quedará determinada precisamente por esas autorizacións.
Paralelamente, o executivo municipal estuda habilitar novas zonas abertas para o paseo de cans, analizando diferentes localizacións para dar resposta á crecente demanda de espazos seguros e regulados para estes animais.
O proxecto do parque canino foi aprobado en pleno o ano pasado, despois de recoller as propostas e peticións da veciñanza, que reclamaba unha instalación específica e axeitada para o uso canino, con garantías tanto para os propietarios como para o resto de usuarios do espazo público.
Segundo os datos de rexistro canino, en Arteixo contabilizáronse 1.811 altas de cans nos últimos once anos, das cales 373 corresponden a animais catalogados como potencialmente perigosos. No mesmo período só se tramitaron 180 baixas, o que supón un incremento notable da presenza de cans no municipio e reforza, segundo o Concello, a necesidade de contar con infraestruturas adaptadas.