Arteixo impulsa melloras de seguridade viaria na Travesía de Pastoriza

ACoruñaXa
O Concello actúa na AC-415 con renovación do firme, nova sinalización e marcas de ‘dentes de dragón’, e estuda instalar un radar para controlar a velocidade
ARTEIXO travesia pastoriza
18 Nov 2025

O Concello de Arteixo está a desenvolver unha serie de actuacións destinadas a mellorar a seguridade viaria na Travesía de Pastoriza, concretamente na AC-415, na curva da baixada cara Oseiro e a zona de Sol y Mar, un punto onde a velocidade continúa a ser o principal factor de risco.

Entre as intervencións xa executadas, destaca a renovación da capa de rodadura co obxectivo de aumentar o agarre dos vehículos, especialmente nun treito no que as condicións da vía requiren maior precisión na condución. En paralelo, está en marcha a substitución da sinalización vertical e horizontal para reforzar a percepción do límite de velocidade e mellorar a visibilidade para o tráfico.

Outra das medidas implementadas é a aplicación dos coñecidos ‘dentes de dragón’, unhas marcas viarias que xeran un efecto óptico de estreitamento e axudan a que os condutores reduzan a velocidade de maneira automática ao aproximarse a zonas de especial perigosidade.

O Concello estuda ademais a posibilidade de instalar un radar fixo nun tramo limitado a 50 km/h, co fin de reforzar o control dos excesos de velocidade e diminuír a sinistralidade nun punto que acumula queixas veciñais e incidencias de circulación.

⚙ Configurar cookies
0.071614027023315