Arteixo impulsa dous novos aparcadoiros públicos na travesía e prevé abrir outro en maio

ACoruñaXa
O Concello tramita os desenvolvementos urbanísticos necesarios para habilitar novas bolsas de estacionamento xunto ao centro de saúde e no cruzamento con Camiño dos Cabalos, mentres avanza a recta final das obras en Sinforiano López
ARTEIXO parking travesía
9 Apr 2026

Arteixo deu novos pasos para ampliar a oferta de estacionamento no núcleo urbano coa tramitación de dous aparcadoiros públicos na contorna da travesía, unha das zonas con maior demanda pola concentración de servizos e pola actividade comercial.

O Concello está a desenvolver os proxectos de urbanización e as expropiacións precisas nas unidades de actuación 47 e 5, situadas fronte ao centro de saúde e no cruzamento entre a travesía de Arteixo e Camiño dos Cabalos. O obxectivo é habilitar dous espazos de aparcadoiro con 37 e arredor de 60 prazas, respectivamente.

No primeiro dos ámbitos, ademais do estacionamento, prevese a construción dunha nova rúa perpendicular á travesía. No segundo, xunto ás novas prazas, crearase tamén unha zona verde de tránsito peonil.

A estas actuacións sumarase en maio a apertura doutro aparcadoiro público na rúa Sinforiano López, na zona do alto de Arteixo. A infraestrutura, actualmente en obras, contará con 79 prazas nunha superficie próxima aos 2.100 metros cadrados.

Os traballos foron adxudicados a comezos de ano por 82.000 euros e, segundo o Concello, esta nova bolsa de estacionamento permitirá aliviar a presión de vehículos na avenida de Fisterra e na propia travesía de Arteixo, ademais de mellorar o acceso á zona comercial, hostaleira e ao contorno industrial de Sabón.

0.1179358959198