Arteixo impulsa a rehabilitación de vivendas con novos acordos coa Coruña e coa Xunta

ACoruñaXa
O alcalde Carlos Calvelo destacou no pleno a importancia de “intensificar a coordinación de servizos xa existentes"
Imaxe da casa do Concello en Arteixo
30 Apr 2025

O Concello de Arteixo deu un paso máis cara á integración metropolitana e á mellora do tecido urbano coa aprobación este martes no pleno municipal do convenio de colaboración coa Coruña, asinado polo alcalde Carlos Calvelo e a alcaldesa Inés Rey. Trátase dun acordo que permitirá afondar en servizos compartidos como a mobilidade ou o abastecemento de auga.

Durante o pleno, Calvelo puxo en valor a utilidade deste convenio: “É importante intensificar a coordinación de servizos xa existentes”, afirmou. Entre as iniciativas destacadas está a posible integración dos sistemas públicos de bicicletas de ambos municipios, permitindo que os usuarios poidan atravesar os límites municipais e deixar as bicis nun concello ou noutro indistintamente.

Tamén se reforzará o convenio xa vixente en materia de transporte público, que permite que as liñas 6 e 24 do autobús urbano da Coruña teñan paradas en Meicende e na urbanización Montegolf, na parroquia de Uxes. Neste eido, avánzase cara a unha mobilidade máis conectada e adaptada ás necesidades da poboación da contorna.

Outra das liñas de cooperación destacadas é a que manteñen as empresas públicas Emalcsa e Sumarte en materia de abastecemento. Os investimentos recentes permitiron mellorar o servizo de subministración de auga en Arteixo, grazas a unha nova conexión a través do polígono de Morás.

Por outra banda, o pleno aprobou tamén a creación dunha oficina de información sobre as axudas económicas para a rehabilitación de vivendas nas zonas de Meicende declaradas Área de Rehabilitación Integral (ARI). A oficina estará situada no centro cívico de Meicende e será atendida por persoal do departamento de Urbanismo. O Concello anunciará proximamente a data exacta de apertura.

A nova ARI Meicende-O Petón, aprobada pola Xunta o ano pasado a petición do consistorio, abrangue unha superficie de máis de 63.000 metros cadrados, incluíndo 154 edificios e un total de 343 vivendas. O goberno municipal tamén solicitou unha segunda ARI en Oseiro e Sol y Mar, que está pendente de resolución e podería beneficiar a outras 750 vivendas.

Estas áreas forman parte da estratexia da Xunta para facilitar que a cidadanía poida “mellorar a calidade das súas vivendas” mediante fondos que permiten acometer obras de urbanización e conservación do patrimonio edificado. Grazas á colaboración institucional, “avánzase na recuperación e conservación do patrimonio edificatorio dos concellos de Galicia”.

⚙ Configurar cookies
0.17457795143127