Arteixo impulsa a recuperación dos ríos Bolaños e Bidueira para previr inundacións

ACoruñaXa
O Goberno local procura tamén recuperar a dinámica natural destes cursos fluviais
rio-bolaños-arteixo
28 Apr 2025

O Concello de Arteixo vén de anunciar a licitación dos traballos de mellora dos ríos Bolaños e Bidueira, unha actuación que busca reducir o risco de inundacións e recuperar a dinámica natural destes cursos fluviais. A intervención, que conta xa coa autorización de Augas de Galicia, está previsto que comece a executarse no próximo verán.

O investimento total ascende a 957.000 euros, dos cales unha parte provén das axudas concedidas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O proxecto, impulsado polo propio Concello dentro deste marco de subvencións, aposta por solucións baseadas na natureza para restaurar o contorno fluvial.

Entre os obxectivos principais está a recuperación da morfoloxía orixinal dos cauces, así como a promoción da flora e fauna autóctonas, contribuíndo a mellorar a biodiversidade da zona e a reforzar a súa resiliencia fronte aos efectos do cambio climático.

Desde o Concello destacan que esta actuación supón un paso importante para facer de Arteixo un municipio máis sostible, apostando pola renaturalización dos seus espazos naturais e pola protección do patrimonio ambiental.

⚙ Configurar cookies
0.10283207893372