Arteixo impulsa a modernización do sistema municipal de abastecemento de auga

O Concello de Arteixo porá en marcha un proxecto para avanzar na transformación dixital do servizo municipal de auga mediante a instalación de 8.850 contadores de última xeración en todo o municipio. O plan contempla a colocación de 5.000 caudalímetros estáticos de ultrasonidos con pantalla dixital e sistema de comunicación integrado en zonas rurais con poboación dispersa, cun investimento de 564.813 euros.
Tamén se renovarán 3.850 contadores situados en vivendas ou lugares de difícil acceso por equipos con tecnoloxía de telelectura, cun orzamento de 434.834 euros. Esta tecnoloxía permitirá obter datos de consumo precisos sen desprazamentos, centralizando a información nun software conectado co programa de facturación municipal.
A iniciativa compleméntase co plan xa iniciado en Sabón e nas áreas rurais, así como coa renovación doutros 4.000 contadores financiados con fondos europeos. O investimento total desta licitación ascende a 999.960 euros e o prazo de execución será de seis meses. Segundo o goberno local, supón un paso máis cara a un sistema de abastecemento máis eficiente, moderno e sostible.