Arteixo gaña 4.100 m² para crear 150 novas prazas de aparcamento público no centro urbano

O Concello de Arteixo vén de conseguir a cesión de dúas parcelas estratéxicas situadas na rúa Sinforiano López e na Travesía de Arteixo, que suman en total uns 4.100 metros cadrados. O Goberno local destinará estes terreos á creación de novos aparcamentos públicos, cunha previsión de arredor de 150 prazas unha vez acondicionados.
A rúa Sinforiano López funciona como vía de conexión entre dúas arterias principais do municipio, a avenida de Finisterre e a propia Travesía de Arteixo. Por iso, o novo aparcadoiro nesta localización permitirá aliviar a alta demanda de estacionamento nestas zonas, que concentran boa parte do tráfico de entrada ao núcleo urbano.
O segundo espazo, situado tamén moi próximo na Travesía de Arteixo 152, contribuirá a reforzar esta solución de mobilidade, beneficiando tanto aos veciños como aos visitantes. Ademais de dar resposta á carencia de prazas de aparcamento, estas actuacións terán un impacto positivo no comercio local e na hostalaría, ao facilitar o acceso a negocios da contorna.
O Concello subliña tamén que estas novas áreas poderán funcionar como aparcadoiros disuasorios en momentos de alta afluencia, como os eventos musicais das festas patronais celebradas no Campo da Festa. Tamén servirán para mellorar a accesibilidade a empresas do polígono de Sabón, que linda coa avenida de Finisterre xusto nesta zona.
Con esta actuación, Arteixo avanza na súa estratexia de mellora da mobilidade urbana e do apoio ao tecido económico local, apostando por un uso intelixente do espazo público ao servizo da cidadanía.