Arteixo Futuro reclama melloras na seguridade peonil na estrada de Barrañán

ACoruñaXa
A plataforma veciñal advirte dos riscos provocados pola velocidade dos vehículos e os pasos de peóns deteriorados, especialmente en temporada de afluencia á praia
ARTEIXO estrada barrañan
11 Aug 2025

A plataforma veciñal Arteixo Futuro vén de solicitar unha intervención urxente na estrada DP-0514, que une as praias de Barrañán e Combouzas, co fin de reforzar a seguridade dos peóns e mellorar as condicións dos espazos públicos da zona. Esta petición xorde ante a elevada presenza de bañistas e o aumento do tráfico rodado que se intensifica nas épocas de bo tempo.

Segundo os veciños e veciñas, os pasos peonís presentan un estado deficiente que require unha actualización inmediata. Reclaman a elevación destes pasos para que actúen como freo natural á velocidade dos vehículos, xunto coa instalación de nova sinalización luminosa que aumente a visibilidade e a protección das persoas que os cruzan.

A plataforma tamén denuncia que a iluminación pública é deficiente, con farolas que en ocasións non funcionan, o que incrementa a inseguridade durante as horas nocturnas. Ademais, lembran un grave accidente ocorrido en 2009, cando un neno de oito anos resultou ferido nun paso peonil nesta mesma vía.

Arteixo Futuro insta ao Concello e á Deputación da Coruña a colaborar para executar melloras que garantan a seguridade e a conservación desta área, clave para o lecer e o turismo local, asegurando que as infraestruturas e servizos estean á altura do tránsito humano e rodado que recibe esta contorna.

⚙ Configurar cookies
0.13029408454895