Arteixo Futuro propoñerá a creación da tarxeta MERCARTEIXO para incentivar o comercio local

ACoruñaXa
Segundo a plataforma veciñal a tarxeta serviría para axudar a paliar as dificultades que atravesan os negocios da vila
compras-comercio-recurso
2 May 2025

A plataforma veciñal Arteixo Futuro propuxo a creación dunha nova tarxeta, MERCARTEIXO, que ten como obxectivo fomentar a compra de produtos e servizos no Concello de Arteixo e promover as empresas de servizos, así como o pequeno comercio de proximidade. Esta tarxeta, segundo a proposta, serviría para incentivar as compras locais e axudar a paliar as dificultades que atravesan os negocios da vila.

A proposta inclúe un investimento combinado de 105.000 euros, que se distribuiría en bonos unipersoais de 50 euros, cun valor final de 100.000 euros e cunha capacidade de penetración superior ao 7 % do censo de persoas maiores de idade do municipio. Ademais, prevese un gasto de 5.000 euros para financiar a campaña de promoción, inserción e apoio aos comercios locais.

Neste sentido, Arteixo Futuro cre que este tipo de promoción non só contribuiría a xerar un novo sentimento de comunidade e comercio na localidade, senón tamén a mitigar o impacto do recente apagón xeral que afectou os negocios da zona. "Cada comercio da vila perdeu unha media de 650 euros polo apagón xeneralizado, polo que o custo deste fallo eléctrico superaría o millón de euros en Arteixo, sen ter en conta posibles perdas na industria e as grandes empresas situadas na localidade, como Inditex, Estrella Galicia, Leyma ou Bonilla", explicaron desde a plataforma veciñal.

A tarxeta MERCARTEIXO podería aproveitar as experiencias previas do Bono Comercio da Xunta de Galicia, tomando como referencia o seu funcionamento, o que permitiría ter un impacto positivo no pequeno comercio de Arteixo, que continua a sufrir a pecha de varios establecementos cada mes. "A idea é apoiar a aqueles que máis o precisan e reforzar a economía local", apuntaron desde Arteixo Futuro.

⚙ Configurar cookies
0.14955115318298