Arteixo Futuro propón unha ordenanza pioneira de protección animal e convivencia responsable

A agrupación Arteixo Futuro vén de anunciar unha proposta que pretende situar o municipio á vangarda da protección animal en Galicia. A iniciativa céntrase na creación dunha Ordenanza de Protección Animal e Convivencia Responsable, coa que se busca dar un salto cualitativo nas políticas locais e garantir unha mellor relación entre a veciñanza e a fauna urbana.
Segundo explican dende a formación, a proposta toma como referencia as experiencias positivas desenvolvidas en cidades como Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña ou Pobra do Caramiñal, que dende 2015 impulsaron medidas pioneiras no ámbito do benestar animal. Entre esas accións destacan as campañas continuadas de sensibilización cidadá, a xestión ética das colonias de gatos mediante alimentación controlada e programas de esterilización, así como o recoñecemento oficial das persoas coidadoras e o apoio económico ás asociacións implicadas.
Arteixo Futuro pretende replicar ese modelo no municipio, reforzando a cooperación con entidades locais e apostando por convenios plurianuais que garantan estabilidade. Ademais, propoñen a posta en marcha de programas formativos para o voluntariado e novas campañas de concienciación orientadas a desterrar prácticas como o encadeamento continuado dos animais ou a alimentación descontrolada.
Outro dos piares fundamentais do proxecto é a mellora do programa de educación ambiental, que incorporaría contidos relacionados coa empatía e a educación humanitaria, sempre en colaboración con entidades especializadas neste ámbito. Con esta visión, a agrupación defende que Arteixo pode converterse nun referente en Galicia na defensa dos animais e na promoción dunha convivencia harmónica entre cidadanía e natureza.