Arteixo Futuro propón un plan urxente para mellorar a seguridade viaria tras varios incidentes

A plataforma veciñal Arteixo Futuro vén de propoñer a posta en marcha dun Plan de Mellora da Seguridade Viaria no concello, tras rexistrarse catro incidentes relacionados con vehículos nas últimas semanas. O máis recente segundo sinalan tivo lugar na rotonda da Báscula, no límite con A Coruña, onde un condutor en estado de embriaguez caeu nunha acequia pluvial.
Este episodio súmase a outros accidentes, como o ocorrido no cruce de Santa Icía, onde foi precisa a intervención dos Bombeiros de Arteixo e a evacuación de dúas persoas feridas. Segundo a plataforma, estes feitos evidencian deficiencias nas estradas que conectan o municipio, tanto en materia de sinalización como no mantemento xeral da infraestrutura.
Entre as principais demandas de Arteixo Futuro figura o repintado das marcas viarias, especialmente en treitos onde a visibilidade é limitada ou a sinalización horizontal xa está moi deteriorada. Ademais, apostan por instalar sinais luminosas e velocímetros, elementos que axudan a captar a atención dos condutores e lembrar os límites de velocidade, así como zonas de especial risco, como curvas pronunciadas ou cruces perigosos.
A proposta inclúe tamén un enfoque educativo e de concienciación. A plataforma suxire que o Concello impulse campañas informativas sobre boas prácticas ao volante, dirixidas tanto á poboación en xeral como ao público escolar. Neste sentido, destacan iniciativas xa en marcha noutros municipios da provincia, como os programas formativos promovidos pola Garda Civil e o Concello da Coruña nos centros educativos.
Arteixo Futuro propón que estas accións se leven a cabo en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT) e que se aproveiten os paneis informativos municipais —habitualmente empregados para anunciar actividades culturais ou festivas— como ferramenta para divulgar mensaxes de seguridade viaria.
A plataforma insiste en que, ante o aumento dos incidentes, non se pode agardar a que ocorra unha traxedia maior para actuar. "É o momento de tomar medidas concretas que protexan á veciñanza e melloren a convivencia nas estradas", conclúen.