Arteixo Futuro propón levar a 'arte no asfalto' ás contornas escolares para pacificar o tráfico

A plataforma cidadá Arteixo Futuro vén de poñer enriba da mesa unha medida pouco habitual en Galicia para mellorar a seguridade viaria arredor dos centros educativos: pintar murais directamente sobre a calzada nas zonas de acceso e cruce próximas aos colexios e institutos. A proposta, explican, busca reducir a velocidade e facer máis visible o espazo peonil nun municipio onde os centros escolares se espallan desde o núcleo urbano ata parroquias como Vilarrodís, Meicende ou A Pastoriza.
A iniciativa enmárcase no que se coñece como 'arte no asfalto', unha fórmula de humanización do tráfico que se emprega en diferentes cidades para reforzar a percepción de contornas sensibles. Un informe de Bloomberg Philanthropies (2022), centrado en 17 emprazamentos con datos previos e posteriores ás intervencións, recolle unha baixada do 50% na taxa de sinistros que implican peóns ou outros usuarios vulnerables, xunto cun descenso do 37% nos accidentes con lesións e do 17% no total de choques.
Como primeira experiencia, Arteixo Futuro apunta ao entorno da Avenida de Caión, no entroncamento de acceso á zona escolar que comparte espazo co Pazo dos Deportes e varias áreas comerciais. A plataforma incluso elaborou unha recreación do cruce 'pacificado' mediante unha ferramenta de intelixencia artificial de Google.
Segundo defenden, trátase dunha actuación de custo reducido fronte a outras solucións habituais (como pasos elevados, resaltes ou semáforos) e podería estenderse progresivamente ás escolas infantís, CEIP e institutos dos distintos núcleos do concello.
A proposta chega, ademais, nunha avenida que nos últimos anos estivo no foco de actuacións de humanización e cambios de mobilidade, con previsións de limitación de velocidade tras as obras.