Arteixo Futuro propón impulsar o turismo de surf coa entrada na Rede de Pobos do Surf

ACoruñaXa
Outra iniciativa da plataforma sería a elaboración dun Plan Director específico
surf
12 Jun 2025

A plataforma veciñal Arteixo Futuro propuxo dúas iniciativas para fomentar o turismo vinculado ao surf no municipio: a elaboración dun Plan Director específico e a incorporación do Concello á Rede de Pobos do Surf, unha iniciativa estatal financiada polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Esta rede está formada por diferentes localidades costeiras e pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, unha proximidade que, segundo o colectivo, facilitaría a integración de Arteixo e o traballo conxunto aproveitando a experiencia acumulada polos concellos adheridos. A localidade máis próxima á rede é Carballo, tamén na provincia da Coruña.

Arteixo Futuro destaca que o surf é unha actividade ligada á natureza que encaixa coa aposta por un turismo sostible e racional. A súa práctica, apuntan, “pon sobre a mesa estas cuestións”, ao tempo que pode posicionar a Arteixo como un destino de referencia tanto para visitantes da comarca como para turistas nacionais e internacionais interesados neste deporte.

A proposta inclúe a redacción dun Plan Director de turismo de surf cun horizonte de catro ou cinco anos, que marque unha estratexia adaptada á realidade socioeconómica local. O documento debería recoller tamén necesidades básicas de infraestrutura, tendo en conta que “hai praias arteixás que todavía non contan con servizos básicos como un baño ou que non disporían de servizo de socorrismo”.

Ademais, a Rede de Pobos do Surf contempla entre as súas accións un programa de emprendemento vinculado ao sector. Neste sentido, desde a plataforma cidadá sinalan que a adhesión permitiría “animar á veciñanza a crear empresas e servizos ao redor deste deporte, xerando riqueza, novos empregos e un xacemento de turismo respetuoso co Medio”.

A proposta, destacan, encaixa co modelo de desenvolvemento sostible que Arteixo Futuro defende para o municipio e supón unha oportunidade para diversificar a oferta turística local.

⚙ Configurar cookies
0.17160320281982