Arteixo Futuro pide a cesión de 16 pisos da SAREB para alugueiro protexido en Arteixo

ACoruñaXa
A plataforma propón integrar as vivendas no patrimonio municipal, cubrir a curto prazo o 10% da demanda e activar un plan local de vivenda con incentivos para mobilizar pisos baleiros
Piso-SAREB-miño
29 Sep 2025

A plataforma veciñal Arteixo Futuro solicita a cesión dos 16 pisos da SAREB existentes no municipio para incorporalos ao patrimonio público e poñelos en funcionamento como vivendas de alugueiro protexido. A entidade argumenta que o Rexistro Único de demandantes de vivenda suma 165 solicitudes en Arteixo, o que evidencia unha urxencia real para ofrecer fogares asequibles a familias, mocidade e persoas maiores.

Segundo a proposta, a incorporación inmediata destes inmobles permitiría atender arredor do 10% da demanda nun primeiro chanzo, sempre que se complemente cun plan municipal de vivenda que asuma pequenas rehabilitacións, cubra seguros de impago e incentive aos propietarios para sacar ao mercado pisos baleiros. Arteixo Futuro lembra que no termo municipal hai máis de 3.500 vivendas sen uso, mentres que as plataformas de compravenda e alugueiro ofrecen apenas unhas ducias de opcións e, en moitos casos, a prezos inaccesibles.

A plataforma sinala que é difícil atopar alugueiros por baixo de 600 € ao mes; cando aparecen, adoitan corresponderse con inmobles de menos de 40 m² e fóra do núcleo principal. Por iso, defenden combinar a vía pública (SAREB e parque municipal) con medidas de mobilización de vivenda privada, para equilibrar prezos e ampliar a oferta dispoñible.

Arteixo Futuro indica que leva meses sen resposta do Goberno local ás súas peticións para aplicar a Lei estatal de Vivenda e declarar Arteixo como zona tensionada residencial, o que permitiría introducir ferramentas adicionais para estabilizar rendas e priorizar o acceso das persoas inscritas no rexistro.

⚙ Configurar cookies
0.11588311195374