Arteixo Futuro denuncia petardos no paseo naturalizado de Loureda na Noitevella e pide máis control

A plataforma Arteixo Futuro denunciou o lanzamento de petardos e tracas na contorna do paseo naturalizado de Loureda durante a Noitevella, unha práctica que cualifican de pouco responsable polo risco que supón nun espazo verde e próximo ao río.
Segundo explica o colectivo, o uso de artefactos pirotécnicos nunha zona arborada implica un perigo evidente de lume, ademais de provocar alteracións na fauna silvestre e molestias tamén para os animais de familia das vivendas próximas. A entidade chama ao “sentidiño” á hora de celebrar o Nadal e lembra que estes elementos poden ter consecuencias máis alá do ruído puntual.
Arteixo Futuro sinala tamén o aspecto ambiental e de convivencia: os restos dos petardos quedaron no chan, o que, ao seu xuízo, evidencia unha falta de civismo ao deixar lixo nas inmediacións do paseo e do río. Por iso, consideran que este tipo de actividades deberían trasladarse a outros espazos e contextos menos sensibles.
No comunicado, o partido local engade que o Concello de Arteixo non publicou, segundo indican, un bando ou directrices específicas sobre o uso de pirotecnia no termo municipal. Por este motivo, propoñen que, de cara ás próximas campañas de Nadal, se difundan recomendacións claras á veciñanza e se avance cara a unha regulación que limite ou impida o lanzamento en puntos próximos a vivendas, á residencia de maiores e ás zonas verdes.
A plataforma lembra, ademais, que a pirotecnia non só afecta á natureza e aos animais, senón que pode ter impacto en colectivos vulnerables, como persoas maiores, infancia, persoas con autismo, persoas con hiperacusia ou en situación de convalecencia.