Arteixo Futuro critica o peche da Escola Infantil da Lagoa e reclama acción ao Concello

ACoruñaXa
A plataforma traslada que este curso escolar contaba con catro alumnos matriculados, cando o mínimo son cinco
nenos-xogando
24 Jul 2025

A plataforma cidadá Arteixo Futuro denunciou o peche da Escola Infantil da Lagoa, anunciado pola Xunta de Galicia ao non cumprir co mínimo de alumnado esixido pola Consellería de Educación para manter o centro aberto. Este curso escolar contaba con catro alumnos matriculados, cando o mínimo establecido para o seu mantemento é de cinco.

Desde Arteixo Futuro sinalan directamente ao Concello de Arteixo pola falta de apoio e interese na promoción deste modelo educativo baseado na convivencia, a corresponsabilidade e o respecto. A plataforma alerta ademais de que outras escolas infantís que funcionan baixo o modelo unitario poderían estar en risco a medio prazo se o Goberno local non adopta medidas para garantir a súa continuidade. Como exemplo, mencionan as escolas de Larín de Arriba e Rorís.

Neste sentido, a plataforma pon como exemplo o Concello de Paderne, que puxo en marcha a campaña “Educa en Paderne, educa na casa” para asegurar a continuidade das súas dúas escolas infantís. Esta iniciativa contou con charlas, difusión en redes sociais e apoio á mobilización de profesorado e familias para cumprir o número mínimo de matriculacións.

Arteixo Futuro lembra que as escolas unitarias son fundamentais para fixar poboación nos núcleos rurais dos municipios pequenos e medianos, ao ofrecer un servizo próximo e unha atención máis personalizada, fronte á centralización en grandes centros con numerosos alumnos e pouca contorna verde.

Por último, a plataforma fai un chamamento ao Concello de Arteixo para que se mobilice e invista na conservación destas escolas, seguindo o exemplo de Paderne, onde só en infraestruturas investíronse máis de 100.000 euros, ademais do traballo realizado para sensibilizar á veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.17573213577271