Arteixo Futuro aposta por árbores bombeiras e a actualización do plan de prevención de lumes

A plataforma Arteixo Futuro propón que o Concello impulse un programa de replantación similar ao que leva aplicándose en Ames durante a última década, coñecido como a plantación de “árbores bombeiras”. A iniciativa busca reforzar a prevención de lumes forestais e periurbáns en todas as franxas secundarias incluídas no plan local contra incendios.
Segundo explican dende a plataforma, certas especies, como os carballos, destacan pola súa resistencia ao lume e axudan a frear a propagación das chamas, permitindo gañar tempo para a intervención dos dispositivos de extinción. Ademais, recordan que o verán pasado se declararon varios lumes na contorna de Arteixo, aínda que con afectación limitada, polo que non se debe subestimar o risco, sobre todo ante os cambios climáticos que aumentan a frecuencia e intensidade dos incendios.
O plan de Arteixo Futuro contempla tamén apoiar a eliminación de especies pirófitas como os eucaliptos e promover a plantación de árbores resistentes nas franxas secundarias, ofrecendo axuda económica ás persoas propietarias de fincas que participen. Calculan que nos próximos dous anos se poderían plantar unhas 1.000 árbores co financiamento do Concello e o apoio doutras administracións. A medida viría acompañada de campañas de concienciación sobre boas prácticas, sinalización de emerxencias e actuacións próximas a vivendas.