Arteixo Futuro, a plataforma veciñal que busca mellorar o municipio a través da participación cidadá

Por Amanda Fernández
Nos últimos meses comezou a gañar visibilidade en Arteixo unha iniciativa que busca darlle voz á veciñanza e fomentar a participación activa na mellora do municipio. Trátase da plataforma veciñal, Arteixo Futuro, e co fin de coñecela mellor falamos con Rubén Pérez, un dos membros da mesma.
Que motivou a creación de Arteixo Futuro?
A motivación fundamental son as ganas de mellorar o municipio dende unha perspectiva de proposta. É lóxico que as persoas se queixen, a través de redes sociais, porque ven que é das poucas canles onde poden facer a súa protesta e, a priori, non trasladan ás mesmas ao responsables últimos: Concello, Xunta ou Deputación. No caso de Arteixo Futuro está detrás unha persoa promotora, Rubén, e no camiño de constituir un grupo motor con persoas representativas dos diferentes núcleos.
Como definirían os obxectivos principais da plataforma?
Non existe un interese por suplantar os colectivos veciñais tradicionais, pero sí superar esa dinámica de queixa “online”. É evidente que no Concello hai unha representación de forzas, fóra del tamén, que teñen altofalantes. Pero tamén a veciñanza, as persoas que teñen unha pequena tenda ou un negocio. Todo isto motiva, como obxectivo, esa palanca de cambio para mudar políticas, dende a limpeza viaria ata a mobilidade. De feito, nestas primeiras semanas a cousa vai nesta líña.
Que tipo de propostas ou ideas están a recibir por parte da veciñanza?
Un pouco de todo, tendo en conta que os primeiros contactos van a paseniño polo pouco percorrido do espazo, pero dende cuestións básicas de convivencia co lixo ou deposicións animais, ata queixas polos medios actuais dos centros educativos do municipio. A partir de aí procúrase facer algunha fotiño ou vídeo de cuestións que preocupan, como a carencia de beirarrúas en Baer no traxecto das nenas e nenos ao transporte escolar.
A participación na plataforma é aberta? Como pode un veciño ou veciña formar parte de Arteixo Futuro?
Totalmente aberta e pódese facer unha inscrición a través dun formulario onde se fan preguntas moi sinxelas que logo poden axudar nunha nova fase, a división de tarefas ou grupos de propostas.
Que papel xogan as redes sociais na súa actividade diaria e na difusión das súas iniciativas?
Agora case todo. É certo que xa enviamos comunicacións aos medios con algunhas das propostas que pretenden resolver queixas veciñais. Centrámonos nunha rede concreta (Instagram) polo grao de uso que ten nas xeracións máis mozas nun Concello que lidera a porcentaxe destes grupos na comarca.
Houbo xa algunha proposta da plataforma que se puxese en marcha ou chegase ao Concello?
Neste momento non, nunha fase inicial facemos esa denuncia pública de cuestións máis elementais e máis adiante pasaremos ao rexistro, porque o que non se coñece é dificilmente resolto.
Cales consideran que son os principais retos que afronta hoxe o municipio de Arteixo?
O primeiro, a igualdade de servizos e atención de todos os núcleos. E isto non é exclusivo de Arteixo, a meirande parte das vilas centran esforzos nun barrio e deixan un pouco de lado ao resto. Percibimos algo semellante nas veciñas e veciños de Pastoriza, Meicende ou Oseiro, por exemplo. E xa nin falar dos núcleos máis “de máis lonxe” como Lañas, Suevos ou Armentón. Dende o elemental, que é limpar as beirarrúas, ata a velocidade dos vehículos que transitan.
Logo disto, aproveitar o potencial do municipio e o capital que acumula. Falamos dun Concello rico en termos orzamentarios e que podería reorientar as partidas cara actuacións sociais, culturais diferentes. Hai queixa con isto tamén.
Como valoran a relación entre a cidadanía e as administracións locais? Hai espazo para mellorar esa conexión?
Hai que rachar coa desconexión, nunca mellor dito. Non só no papel de relación entre o Concello como administración, que debe ser moi próxima e sobre todo nun municipio de 34.000 habitantes, senón como ente político, onde as forzas políticas son tamén ferramentas para demandar solucións e debatilas no pleno e nos encontros.
Hai un exemplo moi recente desta desconexión. As chamadas “Conferencias Estratéxicas” onde a veciñanza non é convidada. Ao final convértese nunha retahíla de mesas redondas que xeran titulares en prensa, pero que non veñen precedidas dun plan de participación cidadá nin de facilitación algunha. Non se pode deseñar Arteixo sen contar con quen vive en Arteixo.
Teñen previsto organizar encontros presenciais ou actividades comunitarias no futuro?
No plantexamento inicial sí, dende logo hai que saír do Instagram para ir traballando, falando e atopándonos, porque non aspiramos a ser unha páxina ou un perfil baleiro ou de protesta, queremos ser os da “proposta”. Hai debates pendentes, como o da vivenda e a suba dos alugueiros, o peche de negocios ou a propia estratexia cultural.
Como imaxinan o Arteixo do futuro? Que transformacións lles gustaría ver nos vindeiros anos?
Un conxunto de vilas máis participativo e un Concello que atenda de maneira eficaz ás súas demandas. Un municipio comprometido coa súa xente, que mellore a súa calidade de vida e que esté ao seu carón cando lle vai ben e cando lle vai mal, e dende logo unha referencia na Comarca en materia de políticas públicas.