Arteixo formaliza a modificación do contrato para rematar a reparación da CM-001 en Suevos

ACoruñaXa
O proxecto move o eixo do vial ata 15,5 metros cara ao interior da ladeira e incorpora unha pantalla de pilotes e unha cuneta de seguridade para garantir a estabilidade
4ARTEIXO obras suevos
22 Oct 2025

O Concello de Arteixo vén de formalizar a modificación do contrato da obra correspondente ao proxecto técnico de desprazamento do eixo do vial CM-001 ao seu paso por Suevos. A intervención permitirá completar a reparación do tramo pechado desde xuño de 2023 a causa de desprendementos no talude e gretas na calzada, co obxectivo de restituír a seguridade e estabilidade da estrada para o tráfico e os veciños.

A solución aprobada consiste en desprazar o eixo da estrada cara ao interior do monte —ata 15,5 metros no punto máis afastado— co fin de asentar o trazado sobre terreo estable. O paquete de traballos inclúe a execución dunha pantalla de pilotes para reforzo do talude e dunha cuneta de seguridade de 2 metros, que funcionará como sistema de contención e drenaxe. O ámbito da actuación abrangue 550 metros de lonxitude.

O investimento total ascende a 823.757 euros e o prazo de execución previsto é de 10 meses desde o inicio efectivo das obras. Esta actuación dá continuidade á obra de emerxencia realizada hai dous anos, cun orzamento de 600.000 euros, e configúrase como solución integral e definitiva ao problema de estabilidade, sen afectación ás canalizacións existentes nin necesidade de modificacións urbanísticas.

⚙ Configurar cookies
0.069467067718506