Arteixo estrea a nova fábrica de Estrella Galicia, unha das maiores inversións industriais de Galicia

ACoruñaXa
En termos de emprego, a infraestrutura permitirá crear ata 600 postos directos e arredor de 10.000 empregos indirectos
arteixo-estrella-galicia
20 Jun 2025

Arteixo converteuse no epicentro do desenvolvemento industrial galego coa inauguración da nova fábrica de Estrella Galicia no polígono de Morás, un proxecto que supón un salto histórico para a compañía e para a comarca da Coruña. O acto contou coa presenza de destacadas autoridades como o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ademais de representantes da empresa e persoal traballador.

Durante a súa intervención, González Formoso transmitiu os parabéns da Deputación á familia Rivera e ao equipo humano da empresa, destacando que “non hai parangón no mundo empresarial galego” para unha compañía que exemplifica “un proxecto de éxito baseado no esforzo, na innovación e no compromiso co territorio”. O presidente provincial puxo en valor a evolución da firma ao longo da súa historia, pasando de facturar 40 millóns de euros a achegarse actualmente aos 1.000 millóns, cun cadro de persoal de máis de 2.000 persoas e presenza comercial en máis de 75 países.

O presidente da Deputación tamén fixo referencia á dimensión emocional e simbólica deste fitos industrial, evocando a figura do fundador José María Rivera Corral, veciño das Pontes que emigrou moi novo a América antes de regresar a Galicia para poñer en marcha a empresa familiar. “Estaría moi ledo de ver este día, igual que os seus pais, que fixeron un grande esforzo para darlles unha oportunidade aos seus fillos nunha época moi complexa”, afirmou.

González Formoso quixo remarcar tamén o forte vínculo territorial da compañía: “Máis alá de tentacións nacionais e mundiais, as inversións de Estrella Galicia seguen a ser aquí. E iso hai que aplaudilo. Espero de corazón que sigades contando co corazón e comprometidos con este país”.

A nova planta de Morás representa unha das maiores inversións industriais recentes en Galicia. Cun investimento inicial de 189 millóns de euros nesta primeira fase, o proxecto poderá chegar aos 400 ou mesmo 500 millóns. Arranca cunha capacidade de produción de 300 millóns de litros ao ano, pero está deseñada para escalar ata os 1.000 millóns, duplicando así a capacidade da histórica fábrica da Grela, na cidade da Coruña.

En termos de emprego, a infraestrutura permitirá crear ata 600 postos directos —160 nesta fase inicial— e xerar arredor de 10.000 empregos indirectos ao longo da súa cadea de valor. Un impacto económico e social de gran relevancia para Arteixo e toda a área metropolitana da Coruña.

A fábrica, ademais, aposta pola vangarda tecnolóxica e a sustentabilidade, cun modelo de produción eficiente, automatizado e respectuoso co medio ambiente. Un paso adiante que consolida a Estrella Galicia como referente tanto no mercado cervexeiro como no compromiso co territorio galego.

⚙ Configurar cookies
0.17430400848389