Arteixo entra nunha rede europea para impulsar zonas verdes e mobilidade

Arteixo vén de incorporarse a URBACT, a plataforma da UE que conecta cidades para intercambiar coñecemento e acelerar políticas urbanas innovadoras. A rede á que se suma está liderada por Perugia e intégrana tamén Sofía, Veszprém, Monaghan, Valongo e Chernivtsi, co concello arteixán como novo socio. O grupo conta con 900.000 euros iniciais para coordinarse e poñer en marcha a transferencia de boas prácticas.
A adhesión abre a Arteixo unha vía directa para coñecer solucións xa testadas noutros municipios e facilitar o acceso a novas liñas de financiamento europeo. O foco de traballo desta rede céntrase na xestión de zonas verdes urbanas, a creación de infraestruturas verdes e a mobilidade sustentábel.
O calendario está marcado: as redes comezarán o 1 de novembro de 2025 e o proceso de transferencia pecharase o 30 de abril de 2028. Nese período prevese compartir metodoloxías, ensaiar proxectos piloto e preparar candidaturas conxuntas a programas comunitarios.
No conxunto de URBACT IV, existen 25 redes de transferencia que agrupan 181 socios de 28 países, dos cales o 90% son cidades moi pequenas, pequenas ou medianas. Ademais, 116 deses socios incorpóranse por primeira vez a URBACT IV. Por representación xeográfica, destacan Portugal e Italia con 19 socios cada un, España con 17, e Grecia e Ucraína con 14 cada un.
Para Arteixo, entrar nesta alianza supón gañar posición no mapa europeo da innovación urbana e dar un paso adiante para acelerar proxectos verdes e de mobilidade que melloren a calidade de vida da veciñanza.