Arteixo e Augas de Galicia impulsan un novo colector para evitar verteduras en Suevos

O Concello de Arteixo vén de anunciar un importante acordo coas administracións implicadas para poñer fin aos problemas de desbordamento de augas no arenero de Suevos. A solución pasa pola construción dun novo colector que conecte directamente esta infraestrutura coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens, e que será executado por Augas de Galicia.
O proxecto responde ás dificultades derivadas da conexión do polígono industrial de Morás á rede actual, que se viu superada nos últimos tempos durante episodios de choiva intensa. O colector existente non ten capacidade suficiente para asumir o volume de auga que se xera, provocando verteduras puntuais no arenero de Suevos.
A nova infraestrutura hidráulica permitirá canalizar de forma eficiente estas augas, mesmo nos momentos de maior caudal, garantindo así unha mellor xestión e tratamento e evitando incidencias ambientais.
A obra será financiada conxuntamente por distintas administracións. Ademais de Augas de Galicia, participarán economicamente a Consellería de Economía e Industria, Xestur, a Autoridade Portuaria da Coruña e o propio Concello de Arteixo. Nas próximas semanas, as entidades implicadas iniciarán os trámites para formalizar o convenio de colaboración.
Como paso inicial, o Concello de Arteixo levará ao próximo pleno ordinario unha modificación de crédito para introducir unha partida orzamentaria que permita avanzar na tramitación do acordo.
Con este proxecto, o Goberno local dá resposta a unha demanda urxente para mellorar a capacidade hidráulica do municipio e reducir o impacto das precipitacións intensas sobre a rede de saneamento.