Arteixo e A Coruña estudan un punto de intercambio de bicicletas no polígono de A Grela

O Concello de Arteixo vén de avanzar unha proposta de colaboración co Concello da Coruña para facilitar os desprazamentos en bicicleta entre ambos os municipios. A idea consiste na creación dun intercambiador de bicicletas no polígono da Agrela, unha zona estratéxica situada a medio camiño entre os dous termos municipais.
O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, explicou que a proposta, que está a ser valorada polos dous executivos locais, permitiría que os usuarios do servizo BiciArteixo poidan conectarse co sistema de alugueiro de bicicletas da Coruña. “Cada un contaría coas súas estacións de bicis, pero este punto permitiría moverse aos usuarios con maior comodidade e a medio camiño entre ambos os lugares, de forma que un veciño de Arteixo pode coller a bici no municipio, e logo cambiala na Coruña”, sinalou.
Esta iniciativa suporía un novo paso cara á integración dos sistemas de mobilidade sostible na área metropolitana e á promoción dunha alternativa real ao coche privado para os desprazamentos cotiás entre concellos veciños.
Arteixo foi pioneiro na comarca da Coruña ao poñer en marcha un servizo municipal de alugueiro de bicicletas. O proxecto, iniciado cun cento de bicicletas convencionais e 35 eléctricas, conta con cinco estacións repartidas pola localidade e ten como obxectivo seguir medrando: o Concello ten previsto ampliar o servizo con novas bicicletas e crear máis itinerarios seguros para fomentar o uso deste medio de transporte ecolóxico e saudable.
A posibilidade de conexión co sistema coruñés reforzaría ese compromiso cunha mobilidade verde e eficiente, ao tempo que consolidaría unha rede metropolitana de transporte en bicicleta ao servizo da cidadanía.