Arteixo dá un paso cara á mobilidade intelixente cunha plataforma de IA pioneira

ACoruñaXa
Os algoritmos avanzados de IA permitirán analizar datos en tempo real e formular recomendacións ou predicións
arteixo-ia
23 Apr 2025

O Concello de Arteixo celebrou unha xornada de presentación centrada na Compra Pública de Innovación, coa vista posta na creación dunha plataforma de Intelixencia Artificial (IA) que revolucionará a xestión da mobilidade no municipio. A cita, dirixida a empresas tecnolóxicas interesadas en participar no proxecto, consolida a aposta do concello pola innovación, despois da súa recente incorporación á Rede Innpulso, integrada por 112 concellos de toda España que promoven políticas e proxectos tecnolóxicos.

O proxecto estrela, denominado ArteixIA, ten como obxectivo deseñar, desenvolver, testar e despregar unha plataforma dixital avanzada baseada en IA que permita xestionar de maneira intelixente, predictiva e integrada os fluxos de mobilidade de Arteixo. Segundo explicou o alcalde, Carlos Calvelo, durante a apertura da xornada, “este é un paso firme para que Arteixo siga avanzando en ferramentas innovadoras que contribúan a mellorar os servizos públicos”.

A plataforma actuará como un ecosistema dixital modular, capaz de integrar datos procedentes de sensores, bases de datos municipais, plataformas de Smart City ou redes sociais. Grazas a algoritmos avanzados de IA, poderanse analizar estes datos en tempo real, formulando recomendacións, predicións e decisións estratéxicas que melloren a mobilidade urbana, o uso das vías de comunicación, as liñas de transporte público e mesmo o sistema de bicicletas municipais.

Esta iniciativa enmárcase nunha liña de investimento en innovación cun orzamento estimado de 3 millóns de euros, dos cales o 80 % será destinado a proxectos innovadores e cofinanciado con Fondos Feder. A través desta plataforma, o Concello busca tamén afianzar a súa capacidade para atraer financiamento externo, especialmente de orixe europea.

A xornada serviu ademais para poñer en coñecemento das empresas e entidades interesadas a apertura da Consulta Preliminar do Mercado, unha figura recollida na Lei de Contratos do Sector Público que permite ás administracións públicas coñecer a oferta tecnolóxica existente antes de lanzar un procedemento de contratación. Esta consulta busca identificar candidatos potencialmente interesados e avaliar as capacidades reais do mercado para levar a cabo un proxecto desta envergadura.

Desde o Goberno local insisten en que ArteixIA non só permitirá mellorar a mobilidade urbana, senón que será unha ferramenta transversal para optimizar a prestación dos servizos municipais no seu conxunto, convertendo Arteixo nun referente galego e estatal en innovación pública.

A convocatoria permanece aberta a calquera entidade ou profesional que queira presentar propostas ou colaborar no desenvolvemento desta solución tecnolóxica, reforzando un modelo de xestión máis aberto, colaborativo e eficiente.

⚙ Configurar cookies
0.15549302101135