Arteixo dá o último paso municipal para crear o 'gran pulmón verde' de Meicende

O Concello de Arteixo vén de aprobar de forma definitiva o plan especial urbanístico que abre a porta á creación dun gran espazo verde e de lecer en Meicende. Trátase do último trámite municipal antes de remitir a documentación á Xunta de Galicia para a súa validación.
A actuación permitirá recuperar un ámbito de 134.718 metros cadrados (máis de 13 hectáreas), actualmente sen uso, situado entre o núcleo urbano de Meicende, o encoro, o polígono do Petón e a AG-55. O obxectivo é reequilibrar o territorio cunha nova zona verde que complemente o parque existente xunto ao encoro e mellore as conexións peonís entre distintos puntos da parroquia.
Segundo a planificación avanzada polo Concello, o futuro pulmón verde incorporará zonas de paseo, un parque infantil e espazos reservados para hortas urbanas ao aire libre. A aprobación chega despois de contar con informes sectoriais favorables de distintos organismos competentes, e o documento conta tamén con tramitación ambiental publicada no DOG.
Unha vez a Xunta revise e dea por boa a documentación, o Concello contratará a redacción do proxecto de obra, paso previo á licitación dos traballos.