Arteixo culmina o paseo fluvial do Rego da Bidueira tras unha inversión de 176.989 euros

ACoruñaXa
A nova senda conecta natureza e lecer con espazos accesibles e melloras ambientais
Imaxe do paseo fluvial do Rego da Bidueira
19 Nov 2024

O Concello de Arteixo completou as obras do paseo fluvial do Rego da Bidueira, unha infraestrutura que combina natureza e accesibilidade cun percorrido que parte da contorna da travesía de Arteixo. O camiño discorre inicialmente pola marxe dereita do regacho ata pasada a rúa Río Eume, onde foi construída unha ponte de madeira para acceder á outra beira.

A senda continúa pola marxe esquerda, pasando polo vello muíño rehabilitado como Aula da Natureza. Preto deste espazo creouse unha área de descanso en forma de elipse, construída con laxas de granito gris, que ofrece un lugar ideal para a relaxación dos visitantes. Ademais, tanto ao comezo como ao final do itinerario, habilitáronse pasarelas de madeira para facilitar o tránsito.

As obras, que supuxeron un investimento de 176.989 euros, tiveron que ser paralizadas temporalmente en 2022 debido a un desprazamento lateral do leito detectado durante os labores de roza. Este contratempo obrigou a reformular os traballos para garantir a seguridade e a sustentabilidade do proxecto.

O novo paseo fluvial preséntase como unha alternativa perfecta para os amantes da natureza e o lecer, reforzando o compromiso de Arteixo coa mellora dos seus espazos públicos e naturais.

0.19936418533325