Arteixo converterase esta fin de semana no punto de encontro do judo galego

Arteixo vivirá esta fin de semana unha intensa programación arredor do tatami. O Pazo dos Deportes será escenario, os días 24 e 25 de xaneiro, de tres eventos que reunirán a judokas de base, participantes de distintas categorías e propostas centradas na inclusión e na convivencia familiar.
A xornada do sábado 24 incluirá unha nova cita da Liga Galicia Rías Altas, coa participación prevista de arredor de 700 judokas de base. Ese mesmo día celebrarase tamén a I Xornada Galega de Judo Paralímpico e A-Judo, unha iniciativa orientada a promover a práctica deportiva inclusiva, con actividades programadas a partir das 18.00 horas.
O domingo 25 será a quenda de 'Judo en familia', unha xuntanza pensada para fomentar a convivencia no club e achegar o deporte á contorna familiar. Segundo a organización, o conxunto do programa podería mobilizar máis de 1.000 deportistas e uns 2.000 asistentes ao longo da fin de semana.