Arteixo contará cun novo parque infantil e área verde no barrio de Candame

O Concello de Arteixo vén de anunciar a creación dun novo espazo público no barrio de Candame, que combinará zona verde e parque infantil nunha superficie de 3.600 metros cadrados. O novo parque situarase entre as rúas Manuel Murguía, Pastor Díaz, Aurelio Aguirre e Rosalía de Castro, e suporá un investimento de 385.000 euros.
O proxecto incluirá unha estrutura de xogo integradora formada por tres torres unidas por dúas pontes, unha pequena casiña, un módulo musical, e unha randeeira combinada con varias prazas, unha delas adaptada para nenos con necesidades especiais. Tamén se instalarán un tobogán de ladeira curvo, outro de ladeira accesible, un saltador con forma hexagonal, un carrusel inclusivo e accesible, unha roda de son e unha corda de ladeira suxeita nun poste metálico.
Ademais do espazo infantil, o parque contará cunha zona biosaudable orientada ás persoas maiores, dotada dunha bicicleta para exercitar os brazos e outra estática convencional.
As obras, cun prazo estimado de execución de catro meses, aproveitaranse para instalar novas redes de abastecemento de auga para unha fonte de beber e o sistema de rega, así como unha rede de drenaxe para a evacuación das augas pluviais. O proxecto tamén contempla a mellora da iluminación, cun báculo que incorporará tres luminarias.