Arteixo concede 79 novas licenzas de actividade dende 2025 e reforza o tirón empresarial en Morás e Sabón

ACoruñaXa
O Concello destaca a diversidade de proxectos, con altas de pequeno comercio, obradoiros, servizos de benestar, almacéns, ocio infantil e novas iniciativas turísticas
pe-moras
26 Jan 2026

O Concello de Arteixo vén de poñer en valor o dinamismo do tecido empresarial municipal tras a concesión de 79 novas licenzas de actividade dende 2025, unha cifra que, segundo o goberno local, reflicte a variedade e a capacidade de atracción económica do municipio.

Entre as altas tramitadas figuran proxectos moi diferentes, que van desde pequeno comercio até naves e actividades industriais, con presenza de novos obradoiros (mecánicos e téxtiles), centros de ioga e pilates, almacéns de maquinaria e tamén propostas vinculadas ao ocio infantil.

O Concello sitúa parte deste crecemento na evolución dos polígonos de Morás e Sabón, dous focos que continúan concentrando boa parte das implantacións e ampliacións empresariais, ao tempo que se aprecia unha maior diversificación entre servizos e industria.

Xunto a iso, o balance municipal sinala novas apostas ligadas ao ámbito turístico, con solicitudes vencelladas a apartamentos turísticos e cabanas, unha tendencia que, segundo o executivo, contribúe a ampliar a oferta e a actividade económica local.

⚙ Configurar cookies
0.082154035568237