Arteixo celebra o XXII Día do Deporte na Rúa cunha ampla oferta de actividades

O Concello de Arteixo convida á veciñanza a participar este 29 de xuño, na vixésimo segunda edición do Día do Deporte na Rúa, unha cita xa consolidada no calendario local que se desenvolverá entre as 11.00 e as 14.00 horas no Paseo Fluvial. A iniciativa está organizada polo Servizo Municipal de Deportes en colaboración con numerosas entidades e clubs deportivos do municipio.
Este evento ten como obxectivo "fomentar hábitos de vida saudables, achegando a actividade física e o deporte a toda a cidadanía", convertendo o Paseo Fluvial no epicentro do deporte inclusivo e para todos. Ao longo da mañá, o espazo transformarase nun gran escenario ao aire libre onde se poderán practicar máis de 30 modalidades deportivas, desde as máis populares ata outras menos coñecidas.
A diversidade da oferta deportiva, accesible para todas as idades, é posible grazas ao compromiso de máis de 100 monitores pertencentes ás entidades colaboradoras, así como ao apoio continuado das empresas patrocinadoras e dos clubs locais. A organización destaca o valor desta colaboración, que "ano a ano brindan o seu apoio para permitir a celebración deste día festivo do deporte arteixán".
A xornada incluirá tamén exhibicións a cargo das Escolas Deportivas Municipais e de diferentes clubs deportivos, ofrecendo ao público a oportunidade de coñecer o traballo que se desenvolve ao longo do ano nas distintas disciplinas.
Como colofón, arredor das 14.00 horas, realizaranse varios sorteos con agasallos cedidos polas empresas patrocinadoras, poñendo o broche final a unha mañá dedicada á promoción do deporte e os valores asociados á vida activa e saudable.