Arteixo celebra o Samaín cunha gran festa infantil e un percorrido de ‘Truco ou Trato’ polo comercio local

Arteixo prepárase para vivir unha tarde de Samaín pensada especialmente para o público máis novo e para dinamizar o comercio de proximidade. O Concello organiza para o 31 de outubro, entre as 17.00 e as 20.00 h, unha gran festa simultánea nos centros sociais do Alto de Arteixo, Sol y Mar e Pastoriza.
As familias interesadas deberán inscribirse de maneira previa nos propios centros sociais, ata o 28 de outubro. A programación inclúe ambiente temático de medo, propostas lúdicas e animación para que as nenas e nenos poidan desfrutar desta tradición en compañía, preferiblemente caracterizados con disfraces.
Ademais da festa, o Samaín estenderase tamén ás rúas e aos establecementos locais co percorrido de ‘Truco ou Trato’. As crianzas poderán visitar comercios en Arteixo centro, Meicende e Vilarrodís para recoller doces e lambetadas, convertendo a tarde nun roteiro doce e participativo.
Para poder participar nesta ruta, as familias deberán retirar o día 31 unha tarxeta de participación nos centros sociais do Balneario, Meicende ou Vilarrodís. Esa tarxeta servirá para completar o circuíto polos comercios adheridos.
Como colofón, celebrarase un sorteo de vales para gastar no pequeno comercio ás 19.30 h, co obxectivo de premiar a participación e impulsar a compra local. Dende a organización lembran que se anima a todos os nenos e nenas a acudir disfrazadas para contribuír ao ambiente festivo, entre cabazas, pantasmas e meigas.