Arteixo celebra o amor cunha campaña para dinamizar o comercio local

O Concello de Arteixo pon en marcha a campaña 'En febreiro, en Arteixo, celebramos o amor', unha iniciativa impulsada por Arteixo Centro Comercial Aberto (CCA) que busca dinamizar as compras locais destacando valores como a igualdade, a diversidade e o respecto. A presentación oficial tivo lugar nun dos establecementos adheridos á iniciativa, coa presenza do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e do alcalde do municipio, Carlos Calvelo.
O director xeral salientou o compromiso da Xunta de Galicia cos Centros Comerciais Abertos, subliñando a súa importancia para a economía e a vida social das vilas e cidades. Ademais, anunciou que mañá se publicará no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas de 2025 para estas entidades, cunha dotación de 2,5 millóns de euros e unha intensidade de financiamento de ata o 90 %. Entre as novidades, inclúese a posibilidade de optar a premios extraordinarios de 50.000 euros para proxectos desenvolvidos en colaboración con concellos e outras entidades.
A campaña estrutúrase en varias accións que combinan actividades presenciais con iniciativas dixitais para achegarse a toda a veciñanza. Unha das propostas máis destacadas será o obradoiro de repostería 'Red Velvet para dous'. As persoas que realicen compras superiores a 10 euros en calquera establecemento asociado ao CCA durante o mes de febreiro poderán participar nesta experiencia gastronómica, na que se elaborará unha tarta en parella. O obxectivo é conectar emocionalmente cos establecementos locais e reforzar unha mensaxe de igualdade e respecto. A inscrición será gratuíta e poderá facerse a través dun formulario en liña ou por teléfono. As prazas serán limitadas e sortearanse entre todas as persoas inscritas que presenten un ticket de compra dun establecemento adherido.
Outra das accións da campaña terá un enfoque dixital e buscará fortalecer a presenza do comercio de Arteixo en redes sociais. As persoas que queiran participar deberán sacarse unha foto cun dos carteis promocionais da campaña, subila a Instagram, etiquetar a conta @ccaarteixo e empregar o hashtag #oamortenmoitasformasperononmanca. Para favorecer a interacción, instalaranse carteis en tendas e en espazos de lecer frecuentados pola mocidade, que funcionarán como photocalls. Entre todas as persoas participantes sortearanse brunchs dobres para desfrutar nun establecemento asociado.
A campaña busca non só incentivar as compras no comercio local, senón tamén transmitir unha mensaxe de respecto, diversidade e igualdade, recoñecendo todas as formas de amor e afastándose de calquera tipo de abuso ou control. Con estas accións, contribúese á modernización do comercio local, reforzando o vínculo entre clientes e establecementos e proxectando unha imaxe actual e inclusiva do comercio de Arteixo. A través da difusión en medios tradicionais, redes sociais e cartelería nos establecementos adheridos, 'En febreiro, en Arteixo, celebramos o amor' busca converterse nunha campaña de referencia tanto no ámbito comercial como no social.