Arteixo cede solo á Xunta para construír 14 vivendas públicas en Vilarrodís

A Xunta de Galicia e o Concello de Arteixo veñen de pechar un novo acordo de colaboración para ampliar o parque público de vivenda no municipio. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asinaron xunto co alcalde, Carlos Calvelo, a cesión gratuíta dunha parcela de titularidade municipal na rúa Aguceira, en Vilarrodís, na que se construirá un edificio con 14 vivendas de promoción pública. O investimento da administración autonómica rondará os 2,7 millóns de euros.
A parcela, situada nunha zona urbana consolidada de Vilarrodís e próxima a dotacións como o centro de saúde, ten arredor de 380 metros cadrados de superficie e permitirá levantar un inmoble destinado a vivenda protexida para alugueiro a prezos asumibles, cunha atención especial á poboación moza que busca independizarse sen abandonar o concello.
No mesmo día da sinatura, a Consellería publicou a licitación da redacción do proxecto básico e de execución, así como da dirección de obra deste edificio, co prazo para presentar ofertas aberto ata o 23 de decembro. A documentación técnica contará cun orzamento duns 125.000 euros, segundo adiantaran fontes autonómicas tras a recente autorización do Consello da Xunta.
Arteixo convértese así no duodécimo municipio galego que pon solo municipal a disposición da administración autonómica para levantar vivenda de promoción pública, xunto con cidades como A Coruña, Lugo ou Pontevedra e concellos como Ames, A Estrada, Lalín, Teo, Vilagarcía, Carballo, San Cibrao das Viñas e Narón. A través destes convenios, a Xunta pretende incrementar rapidamente a oferta de fogares protexidos en áreas urbanas e periurbanas onde o acceso á vivenda se volveu máis complexo.
A conselleira Martínez Allegue subliñou que as 14 vivendas de Vilarrodís se sumarán ás preto de 3.000 que están xa en diferentes fases de tramitación ou obra en toda Galicia, dentro da estratexia autonómica para duplicar o número de vivendas públicas ata acadar as 8.000 nesta lexislatura. O obxectivo, recalcou, é incrementar o parque público para moderar os prezos do alugueiro e ofrecer alternativas reais ás familias con máis dificultades de acceso ao mercado libre.
Para acadar esa meta, a Xunta dispón dun orzamento global de arredor de 350 millóns de euros en políticas de vivenda, dos que uns 163 millóns se reservan especificamente á construción de nova vivenda de promoción pública. A partir de 2026 prevese, ademais, a posta en marcha de novas ferramentas urbanísticas, como o incremento da edificabilidade en determinados ámbitos residenciais ou a posibilidade de levantar vivendas en solos dotacionais sen uso, co fin de acelerar a creación de fogares accesibles.
Os concellos xogarán un papel clave neste proceso mediante o uso da figura dos Proxectos de interese autonómico, que permitirán tramitar con máis axilidade actuacións residenciais en ámbitos estratéxicos. Neste sentido, a conselleira fixo fincapé na relevancia do PIA da Baiouca–Penouqueira, tamén en Arteixo, que prevé habilitar solo para arredor de 160 vivendas, das cales o 80 % serán protexidas. O plan está xa en fase de tramitación ambiental e en período de consultas ata o vindeiro 2 de decembro.
A colaboración entre Xunta e Concello non se limita á política de vivenda. O departamento que dirixe María M. Allegue lembra que tamén está a apoiar a humanización da travesía de Arteixo, unha actuación viaria que conta cun préstamo autonómico próximo ao millón de euros e que busca mellorar a seguridade viaria e a calidade urbana no núcleo principal do municipio.