Arteixo cede ao CETIM unha parcela en Morás para impulsar a innovación e a economía circular

O Concello de Arteixo formalizou a concesión administrativa dunha parcela de 6.591 m² no polígono de Morás —situada na rúa Pedra Ácima— á Fundación CETIM, co obxectivo de poñer en marcha un centro tecnolóxico orientado a proxectos de innovación e economía circular. A cesión terá unha vixencia de 50 anos.
O novo espazo actuará como nodo de colaboración público-privada, facilitando formación, programas de mentorización e transferencia de coñecemento para empresas locais, así como campañas de sensibilización ambiental en coordinación co Concello. Entre as prioridades figuran a mellora da recollida de residuos, o tratamento de augas e o impulso das actividades do Espazo Municipal Ecolóxico de Monticaño (Pastoriza).
Co acordo, o CETIM convértese nun socio tecnolóxico de referencia para Arteixo, desenvolvendo solucións transversais aplicables a distintos sectores: desde novos procesos de aproveitamento de biomasa forestal e agraria, ata tecnoloxías de valorización de residuos e sistemas máis eficientes de depuración e xestión da auga.
A alianza entre Arteixo e o CETIM enmárcase no reto de avanzar cara á transición cara a unha economía circular, un obxectivo que require a implicación conxunta da administración, das empresas —fabricación, produción, distribución e xestión de residuos— e da cidadanía, incorporando a investigación e a innovación como piares para acadar as metas fixadas.